Andaba eu dándolle voltas ao tema do seguinte artigo e xa case estaba decidido a falar do adestramento con pesas durante o crecemento, cando bastantes alumnos e alumnas do colexio me fixeron, tras a volta da ponte de novembro, o mesmo comentario: “Fun á carreira e dóeme moito por aquí”. Resultou que “aquí” eran moitos sitios, pero eso xa é outra cousa.
Antes de comezar quero darlles os parabéns a todos aqueles rapaces e rapazas que participaron e remataron a Carreira Pedestre do pasado 31 de outubro. Quero tamén tirarlle das orellas a todos aqueles que se apuntaron e non foron. En fin... Imos ao tema.
A cousa de estirar ou non tras adestrar é unha cuestión que non escapa a certa polémica xa que existen estudios que indican que se lesionan igual os deportistas que realizan estiramentos tras adestrar que os que non o fan. É certo tamén que na preparación física moderna comezamos a ver prácticas onde case nunca realizan exercicios de flexibilidade, pero si fan moitas rutinas de relaxación tras adestrar, e moitos traballos de propiocepción antes de comezalos adestramentos. Pois si, efectivamente é unha cuestión controvertida, pero tamén é certo que por cada un deses estudios que negan os beneficios da práctica dos estiramentos, aparecen dez que afirman o contrario. Persoalmente o ideal sería combinar e facer un pouco de todo, pero... ¡Case nunca sacamos tempo para saír a correr, como para “propiocepcionar” (desculpen o palabro), estirar, correr unha horiña, estirar de novo, contraer, relaxar ducharnos e chegar puntual ao traballo!
Moitos expertos afirman que non é bo estirar antes dun exercicio intenso se o que buscas é un rendemento máximo, por un par de razóns, a primeira é que podería ser posible lesionar un músculo aínda frío e coas súas articulacións escasamente lubricadas, e a segunda é que o estiramento resta potencia ao xesto deportivo, xa que elimina parte do tono do grupo muscular que se estira. Esta cuestión eu tamén a comparto, e penso que é bo facer unha boa mobilidade articular antes de saír a competir pero non é demasiado bo quentar só por medio dos estiramentos. Nun quecemento (ademais de facer propiocepción, mobilidade articular e logo estirar lixeiramente) o máis recomendable sería facer unha versión adaptada do exercicio ao que te vas someter a continuación.
No segundo caso, o dos estiramentos despois do esforzo, é onde xa non comparto as dúbidas deses estudios que negan os beneficios desta práctica. Eu persoalmente se despois de correr, ir en bici, xogar unha pachanguiña cos amigos ou realizar calquera actividade algo intensa, non realizo uns estiramentos atópome bastante peor que se os fago. Os músculos, tensos aínda tras adestrar, van perdendo tono e relaxándose con un bo estiramento, e nótase o alivio físico que supón. ¿De verdade que nunca o comprobaches no teu propio corpo?
É posible que os estiramentos non eviten lesións, pero estirar ten tantas vantaxes contrastadas, que solo por elas merece a pena: o que si é certo é que ningún estudio (ou polo menos eu non o coñezo) dubida de que mellora a mobilidade articular, evitan a perda funcional que pode supoñer unha actividade deportiva repetitiva na que a amplitude motriz é reducida, axudan a baixar o nivel de estrés, melloran a nosa postura corporal...
Se atendemos á gran cantidade de estudios que recomendan os estiramentos a cousa está clara ¡Temos que estirar!. E se pensamos na enorme mellora da calidade de vida que supón, tamén diremos o mesmo ¡Temos que estirar! Polo tanto é preferible correr cuarenta e cinco minutos en lugar dunha hora e estirar tras a carreira...
Os medios dos que se saca a información nesta ocasión foron as revistas Sport Life e Bici Total, as webs altorendimiento.com e acb.com.
Pablo Negreira
No hay comentarios:
Publicar un comentario